Arquitectura tradicional / Interese paisaxístico
O mosteiro medieval cisterciense de Santa María de Aciveiro marca o inicio desta senda de pescadores que percorre as ribeiras do río Lérez ata a aldea de Gaxín. Na actualidade a súa igrexa é utilizada para o culto parroquial en canto que as dependencias monacais foron obxecto de restauración e acollen un hotelmonumento coa categoría de 3 estrelas.
Tras visitarmos o mosteiro a ruta descende cara ao río, que nos acompañará ata a ponte medieval de Andón. Ata este punto, o sendeiro comparte o percorrido do PR-G 100.
A ruta abandona momentaneamente o río para se dirixir cara ao Pico Valiñas; unha mesta vexetación PR-G 113 Ruta das Pontes do Lérez acompaña o sendeirista ata Ponte da Carballa, onde se recupera a compaña do río Lérez.
Dende este punto, e a través dunha espesa fraga, o vieiro ha levarnos dunha ribeira á outra cruzando as pontes do Crego, Maril, Ponte Vella e Nova de Forcarei, así coma a ponte medieval de Gomail, onde definitivamente se abandona o curso deste fermoso río e se ascende para alcanzar a aldea de Gaxín.
Acceso: Na N-541 entre Pontevedra e O Carballiño, desviarse en Folgoso pola N-534 ata encontrar o sinal de acceso ao Mosteiro de Aciveiro.
En caso de fortes chuvias, informarse sobre o caudal do río antes de emprender a ruta por posibles inundacións nalgunhas partes do percorrido.
Fonte: Turismo.gal